lunes, 3 de mayo de 2010

XÍLGAROS EN LIBERDADE


EL CORREO GALLEGO 03.05.2010
ALFREDO CONDE
{OS OUTROS DÍAS}
XILGAROS EN LIBERDADE

ONTE, SEGÚN LLES ESCRIBÍA, escoitei o cuco cantando nos arredores da Pedra Aguda. Por fin, escoitéino. Levaba anos sen facelo e xa me temía que nos abandoara. Pero non. Escribía eu de costas á fiestra e, como tantas outras veces, permenecía aberta pra que o mundo circundante entrase no meu estudio e, xúrollo, entraba. Envolveito no rechouchío duns xílgaros dos que lles hei falar sen reprimirme chegoume o seu canto, tan doce. Uns días antes volverao escoitar en Chaguazoso, no medio daquel silencio alto, e antollóuseme elevado e distante, mesmo frío; este non, este tiña coloratura de barítono e ecoaba doce. Lástima que fose breve, anque non apurado. Un contento.
Neses días d'A Mezquita, amáis da experiencia do cuco tiven outra da que nunca dispuxera. Unha anduriña entrou na casa e deu en bater contra unha inorme mampara de cristal ata que a collín e a saquei fóra endereitándolle o voo cara as alturas. Nunca premera unha anduriña na miña man. Xilgaros, canarios, verderols, lúganos, pardillos, periquitos, ferreiriños e así, moitos, moitas veces, pero anduriñas nunca.
Crín que a ista de Chaguazoso lle ía sentir o latexar apresurado do seu pequeno corazón, pero non foi así. Xa antes de ceibala, sabía que o latir era acompasado e calmo. O que non sei é por qué. Cando abrín a man prá deixar voar, incorporóuse primeiro nas súas patas, revirou logo a cabeciña cara mín, fitóume con seus ollos rodeados dun circo negro que non deixou de solprenderme e, logo, abreu as alas e saeu en traxectoria oblicua e ascendente, cara a súa recén recuperada libertade. Fixoo coma se nada fora con ela. Nin comigo. Pero si que ía comigo. Aínda comigo está e emoción do seu contacto, tan soave.
Uns días antes, dous xilgaros, minto, unha parella de xilgaros, andou a apañar co que aniñar, pegando saltiños a rentes do chan por embaixo dun cedro que teño a carón da casa. Foi outra ledicia. Había anos que non vía xílgaros en libertade. Haberá uns quince ou máis. Tropezáraos daquela alá por Cantalarrana. Ian en mandanda e pousaron nuns toxos dourados polo sól do verao na gabía da pequena estrada que abeira a vella, a extinta lagoa nunha das súas lindes, na de poente. Agora, estes, asubían ás miñas costas e o seu rechouchío penetra no coarto no que lles escribo. Ouh, qué paz... e qué sosego! Un pouco máis tarde, cara ó solpor, asubiaran os melros avisando a retirada dos animais do día pra serensubstituidos polos que reinan nos mesmos territorios, pero só durante a noite. Entón ulularan o mucho e maila curuxa, pero eu estarei xa durmido soñando, acaso, cun mundo felizmente poboado de paxaros cantores. Ogallá

No hay comentarios: