miércoles, 28 de septiembre de 2011

28.09.2011

{LOS OTROS DíAS} 



¿Cando nos equilibraremos?

Logo de lles escribir onte a cerca dese undécimo posto na lista dos máis ricos do continente europeu ó que rebaixaron ó noso Amancio Ortega, quedéime a cismar no moito que cambiou o mundo dende a miña nenez.
Daquela había un desprezo manifesto cara os novos ricos. Entón, o noso imaxinario colectivo conformabase a partires de reflexións e ensinanzas que se suscitaban dende moi diversas posicións e perspectivas. Dende a derradeira páxina do TBO, na que campaba ó seu aire a inefable Familia Ulises, ata os púlpitos -dende os que se recomendaba a probeza, se aconsellaba saber canto menos millor- pasando polos convencionalismos sociais que adoitaba definilos, ós novos ricos, coma animais con diñeiro, bestas que non souberan facer namáis que cartos, escoria zafia e brután que millor era manter arredada.
Eu non pretendía ir por aí, pero é que a cousa da pra ser tratada. Recordo, na Pontevedra da miña adolescencia, o escándalo que supuña o feito de que, as señoras pertencentes a iso que se compendiaba na expresión los-de-Pontevedra-de-toda-la-vida, se poideran tropezar no Casino coa súa peluqueira ou co hortera dunha tenda de tecidos. ¡Esto-antes-no-pasaba-no-se-a-dónde-llegaremos-de-seguir-así-las-cosas! Exclamaban compunxidas as ilustres damas, netas de xentes que chegaran á cidade vendendo alpargatas de esparto. Como todos, máis ou menos. ¡Ouh, qué tempos! As peluqueiras, entón, como lles eran rexeitadas as solicitudes de ingreso como socias do Casino, presentabanas no de Vilagarcía, que dispoña de intercambio, e entraban por-la-puerta-falsa. Ah, qué marabilla! Eran tempos groriosos. Na Alameda, o costume, adxudicaralles ás clases sociais os distintos paseos polos que circular mentres, no palco da música, a banda municipal se afanaba nas mañás dominicais. E todo pola canle establecida. O Casino prós do Casino, o Mercantil prós do Mercantil e así seguido en escala descendente. Nada que ver coa cultura do self-made-man na que agora estamos instalados.
Sucede que tampouco hai que se pasar, chegados a este punto, poisque xa nos chegou cando estivemos no que recordo e cito. Cando nos equilibraremos dunha vez? Nin aquela cultura dominante, señoritil e serodia, a das vellas e casposas e pretendidamente aristocráticas familias, nin esta que oscila entre as dos autores das grandes, imensas fortunas, e os gurús da cutrería supostamente progre, composta de tanto chiquilicuatre con infulas intelectualoides, de tanto indocumentado, que ten prensada á dos integrantes da maioría de cidadáns interesados en vivir e deixar vivir, respectar e seren respectados, facendoo en paz e disfrutando cada un das súas cousiñas sen lastimar ós outros.

No hay comentarios: